viernes, 28 de septiembre de 2012

Análise da marcha "Rodear el Congreso"


Que pasou o 25 de setembro de 2012 en Madrid?
O pasado martes miles de manifestantes rodearon o Congreso dos Deputados para expresar o seu crecente descontento co Goberno en xeral e coa clase política en particular. Sen embargo, o que pretendía ser un acto reivindicativo pacífico converteuse nun enfrontamento entre cidadáns e policías que, unha vez máis, deixou en entredito a actuación dos axentes antidisturbios.

Que papel xogou a policía?
O corpo policial, lonxe de fomentar un ambiente pacífico e seguro, abusou da súa autoridade acordoando a zona cun número esaxerado de axentes que responderon á manifestación con frialdade e violencia.

Que papel xogaron os manifestantes?
As persoas que acudiron ao acto reivindicativo fixérono en calidade de cidadáns que teñen o dereito de expresar libremente a súa opinión. O sentimento común de inconformidade co sistema fíxose notar cunha actitude enérxica que desembocou en momentos de tensión coa policía.

Que papel xogou a clase política? Cantos diputados asistían ao pleno?
O colectivo político tratou de aparentar normalidade ignorando as protestas dos presentes no exterior do Congreso.
Atendendo ao número de votos emitidos nas votacións celebradas no pleno do 25 de setembro, o número de parlamentarios presentes era de 314. (http://www.congreso.es/public_oficiales/L10/CONG/DS/PL/DSCD-10-PL-61.PDF )

Que pasou no pleno do Congreso?
Fixéronse interpelacións urxentes. Acto seguido, tomáronse en conta proposicións de lei – por parte de UPyD, para previr e erradicar a discriminación lingüística e garantir a liberdade de lingua; e por parte de EAJ-PNV sobre a mellora da accesibilidade nas comunidades de vivendas- e proposicións non de lei – UPyD para a racionalización do réxime retributivo dos cargos políticos efectivos mediante un sistema obxectivo, coherente e transparente a nivel nacional; e EAJ-PNV relativa á loita contra o fraude fiscal-. A continuación presentáronse mocións consecuencia de interpelacións urxentes e procedeuse á votación dos tres aspectos subliñados, sendo todos eles refutados.

Por que foi a concentración? Quen chamou á concentración?
A manifestación foi convocada pola plataforma ¡En pie! Ocupa el Congreso a través das redes sociais e do seu blog http://plataformaenpie.wordpress.com/25s/ , no cal invitan aos cidadáns a loitar por un cambio de sistema a nivel político, social e económico.

Onde vístedes as noticias?
Seguín a actualidade sobre a manifestación tanto nos xornais a nivel nacional e autonómico coma no telexornal de La Sexta Noticias.
Como valorades esa información recibida?
Considero que este suceso foi un exemplo máis de manipulación política dos medios. O que uns presentaban como un ataque desmesurado dos manifestantes para outros era unha reivindicación pacífica só agravada pola actuación policial. A uniformidade de posicións mediáticas respecto a este tema resulta, cando menos, contraditoria.

Que lle faltaba a esa información?
Faltáballe obxectividade e accesibilidade aos datos.

Que consecuencias ou que lectura se pode facer ou entresacamos da concentración / manifestacións?
Dende o meu punto de vista, xa que os nosos políticos non convocan referendos nos que a nosa opinión conte para algo, as manifestacións constitúen a única vía de expresión dos cidadáns. Hai quen as enturbia con actitudes violentas, si; pero non representan o sentimento xeral dos que percorren as rúas co obxectivo pacífico de facerse escoitar.
Desta manifestación en concreto, eu conclúo que se trata dun paso adiante nas reivindicacións sociais, e agardo que algún día os políticos escoiten o que os cidadáns temos que dicir en lugar de ignorarnos coma se o termo “soberanía nacional” non lles dixese nada.

Que outras preguntas habería que facerse?
Os cidadáns deberiamos preguntarnos: “É isto unha democracia real? Contan para algo as ideoloxías ou son tódolos partidos iguais? Podemos seguir tolerando o “prometo pero non cumplo”? Merecemos estar informados de todo ou só dunha parte interesada? Existe a soberanía nacional en España?
Vivimos nun contexto de crise económica no que familias enteiras sofren por ter os petos baleiros mentres outros enchen os seus de cartos en sobres de ilegalidade. Ocórrenseme moitas preguntas que poderiamos facernos, pero a máis inquietante é saber se coñecer as respostas serviría realmente para algo.

1 comentario:

  1. Grazas pola aportación. son importantes os puntos de vista doutras persoas porque poden aportar máis datos, máis documentación, que é o que a nos nos interesa. Por iso é importante que cada proposta estea complementada por fontes que amplien o coñecemento dos feitos.
    Maldita documen...

    ResponderEliminar